We use cookies to personalise content and ads, to provide social media features and to analyse our traffic. Read more…
Friday
27
APR

Proba de acceso ao Curso de Monitor/a de Escalada en Rocódromos

16:00
19:00

Get Directions

Category
#var:page_name# cover

Curso de Monitor/a de Escalada en Rocódromos Galegos 2018

A Federación Galega de Montañismo (FGM) convoca o curso para a obtención do título de “Monitor/a de Escalada en Rocódromos Galegos 2018” para beneficio dos Clubs federados galegos e do deporte da escalada deportiva en Galicia. Este curso será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

1. QUE É E QUE NON É A TITULACIÓN
É unha titulación federativa adicada ao desenvolvemento da escalada de base só nos rocódromos galegos, e sempre e exclusivamente para desenvolver a súa labor ao amparo dun Club federado galego.
Esta titulación non capacita para desenvolver actividades de escalada no medio natural en ningún caso, nin é para desempeñar un traballo profesional por conta propia ou allea, en ningunha entidade pública ou privada, excepto os propios clubs federados galegos de montaña.

2. QUE VIGOR TERÁ A TITULACIÓN
A titulación estará en vigor durante 4 anos dende o momento que os participantes superen o curso, sempre e cando cada ano un Club federado galego solicite explicitamente a prórroga para cada monitor/a de escalada en rocódromo titulado que abale para traballar no seu Club. Ao remate dos 4 anos o monitor/a titulado/a terá que facer unha reciclaxe para poder prorrogalo.
Unha vez titulado, de non ser solicitado a prórroga polo Club o monitor/a perderá a súa condición e terá que volver a someterse, en caso de que quixera exercer, a un novo curso.
En caso de que algún técnico da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) detecte algún incumprimento das funcións propias de calquera “Monitor/a de Escalada en Rocódromos Galegos” por parte de algún monitor titulado, o/a técnico/a poderá solicitar de xeito motivado á Dirección da EGAM a rescisión da titulación dese monitor/a, que terá que ser confirmada definitivamente pola Presidencia da Federación Galega de Montañismo.

3. SOLICITUDE DE ACCESO Á PROBA DE ACCESO
A solicitude de participación na proba de acceso de cada aspirante maior de idade terá que vir asinada polo interesado/a, e conformada (selo e sinatura do/a Presidente/a) imprescindiblemente por un Club federado de pertenza, que será onde desenvolva a súa labor durante o seguinte ano. O prazo para presentar a solicitude de participación na “proba de acceso” rematará ás 23.59 horas do día 20 de abril de 2018 e só poderase solicitar a participación presentando escaneada a ficha xunta, e enviar todo só polo seguinte formulario https://goo.gl/forms/OiebtgF7QexzyzBp2

4. SISTEMA DE ACCESO AO TÍTULO DE “MONITOR/A DE ESCALADA EN ROCÓDROMOS GALEGOS”
1) O Club debe presentar completa a instancia oficial na Federación Galega de Montañismo, e pagar só a cota de participación da “Proba de acceso”. Deberán vir asinadas polo/a aspirante e polo presidente/a do Club.
2) O/a aspirante presentarase fisicamente e tentará superar a Proba de acceso.
3) Os/as aspirantes que superaron a Proba de acceso, deberán de pagar a cota de participación, presentarse ao Curso, e superalo.

5. CANTO COSTA PARTICIPAR
A Proba de Acceso custará 30 € (que haberá que pagar a nome do/a deportista na conta da Federación Galega de Montañismo en ABANCA ES20 2080 5104 86 3040016923) e, unha vez superada a Proba de Acceso haberá que pagar o propio Curso que custará 235 €, no mesmo IBAN.
As inscricións á Proba de Acceso farase enviando o formulario xunto totalmente cumprimentado e o xustificante de pago á Federación Galega de Montañismo, antes das 23.59 horas do día 20/04/2018. Só hai que pagar a Proba de Acceso, posteriormente, se se supera esta proba, haberá que pagar o Curso.

6. A PROBA DE ACCESO
Farase o día 27 de abril ás 16.00 horas no Rocódromo Municipal de Pontevedra (Pavillón Multiusos da Xunqueira, R/ Celso Emilio Ferreiro, 1ª travesía) e poderá durar ata 4 horas.
A esa proba de acceso o aspirante terá que presentarse con material homologado para escalada, incluíndo loxicamente casco.
Cada aspirante terá que facer varios exercicios prácticos que serán puntuados por un equipo de técnicos da Escola Galega de Alta Montaña cun máximo de 10 puntos por cada exercicio.
Os técnicos da EGAM valorarán nesta Proba de Acceso a solvencia en seguridade na escalada, e a capacidade técnica e física de cada aspirante como escalador/a e como futuro/a formador/a de base.
Desenvolverase actividade habitual tanto como escalador como de asegurador, seleccionando o material axeitado, en vías de escalada de ata 6b para valoración de méritos. Obrigatoriamente terá que encadear a vista dúas rutas de entre 6a e 6b dun total de tres propostas. Nunha destas tres rutas terá que efectuar unha manobra de descolgue pechado.
Sobre os contidos teóricos e prácticos os aspirantes poderán ser avaliados sobre as recomendacións dos fabricantes do material. Ao remate da proba de acceso o Director da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) nomearán aos aptos e non aptos para participar no Curso, e exporá as notas para o seu coñecemento xeral.

7. O CURSO
Este terá unha duración de 50 horas (40 presenciais e 10 a distancia) e poderase faltar un máximo de 4 horas.
O curso está estruturado en dúas fins de semana presenciais, máis a fase a distancia. As datas da fase presencial son o 4 (só de tarde), 5 e 6 de maio (todo o día) e 27 (só de tarde), 28 e 29 de maio (todo o día). O horario será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.
As sesións desenvolveranse nun rocódromo e aulas a concretar en próximas datas (nas cidades de Pontevedra, Santiago ou Ferrol)
O/A aspirante pode perder un máximo de 4 horas totais e nunca durante a proba final obrigatoria.

8. CURRICULO DO CURSO
Unidade 1 A Educación Física. Principios da Educación Física aplicados à escalada en rocódromo. Atención á diversidade. Teoría básica do adestramento.
Unidade 2 Lexislación. Marco legal dos deportes de montaña e da nosa titulación.
Unidade 3 Didáctica da escalada. Principios da didáctica aplicados á escalada en rocódromo. Ensinar contidos. Ensinar técnicas. Obxectivos. Deseño de actividades. Introdución de contidos transversais.
Unidade 4 Técnicas de seguridade. Aseguramento dinámico. Progresión. Descolgues. Rápel. Manobras en cordas con tensión.
Unidade 5 Actuacións no rocódromo. Avaliación da estrutura. Deseño de rutas.
Unidade 6 A escalada deportiva en Galicia. Pasado e evolución cara á competición.

9. AVALIACIÓN DO CURSO
A avaliación do curso terá en conta:
- A participación activa nas clases teóricas e prácticas.
- A asimilación dos contidos teóricos e prácticos impartidos de xeito continuo.
- A realización dunha programación didáctica de escalada
- A superación da proba final (obrigatoria), e nela valorarase a adecuación aos criterios de seguridade e didáctica desenvolvidos durante o curso; entre elas serán as seguintes:
o Explicación dun ou varios contidos dos vistos durante o curso.
o Explicación dunha ou varias manobras do contido do curso.
o Execución dunha ou varias técnicas de seguridade do temario.
Por cada alumno/a terase que facer unha programación dun curso de escalada axustada aos criterios EGAM.
Cada alumno/a poderá faltar xustificadamente ata un máximo de 4 horas presenciais.
Ao remate do Curso o Director da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) nomearán aos aptos e non aptos, e exporá as notas para o seu coñecemento xeral. As persoas que non superen a proba final do Curso terán unha segunda oportunidade nun prazo de 15 días dende a comunicación da non superación.

10. CONVALIDACIÓNS
Calquera módulo da formación do propio Curso pode ser susceptible de convalidación, previa solicitude á coordinación do Curso no correo-e cantil@gmail.com e sempre presentando a documentación axeitada que avale a demanda, e sempre antes do inicio do propio Curso (non da proba de acceso).

Para descargar o formulario, poderás facelo en https://drive.google.com/file/d/1n3mH2q_uCTm8rh2e3ZMXIjSlU78jqnMn/view?usp=sharing